Sinais en Curto convida unha vez máis a descubrir ou a facer repaso dalgunhas das pezas máis interesantes feitas por cineastas de Galicia no último ano. Un territorio no que parece que nunha houbo seca no que á creación audiovisual fóra do canon se refire. O percorrido que propoñemos este ano configura unha especie de historia subterránea de migración, unha peza crave da identidade e o espírito desta terra. Un percorrido que arrinca na illa de San Simón, na que a celebración do festival Sinsal dá pé á creación dunha peza que se estende máis aló do rexistro cara a rexións poéticas e evocadoras. Ilha, de Alexandre Cancelo (tamén presente en Sinais con 7 limbos, codirixida con Berio Molina), crea e recrea a través dun dispositivo sonoro as voces dun pasado incerto. A auga branca, da veterana Margarita Ledo, fainos chegar desde a súa peza o eco de quen se foi da terra para non volver, e que lembra desde Estremadura a Galicia e ás súas fontes de auga branca. A emigración desde o presente é o que aborda Stockroom, de Sol Mussa Juane, coa sombra do Brexit axexando Europa. Unha peza que trata a imaxe de vídeo desdobrándoa e dándolle outra dimensión, mostrando como vive o migrante hoxe en día. Uluru, do cineasta, escritor e investigador Alberte Pagán, é un punto de inflexión na sesión, a través da súa construción dunha posible arquitectura do espazo a través do cinema, e da memoria presente dunha viaxe a un sitio sacro. Con Cómo desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, emprendemos o camiño de volta cara a Galicia, un camiño no que regresar é unha forma de desaparecer. Adrián Canoura, pola súa banda, o que fai en Rexistros. Xeografía de San Sadurniño é retratar os espazos baleiros que deixaron os que se foron tras de si, a través da súa experimentación sensorial co vídeo analóxico. Pecha a sesión Irmandade, nova peza de Helena Girón e Samuel Delgado, que co seu distintivo halo esotérico retratan aos que quedaron, nunha procura da esencia do espírito das revoltas pasadas dun pobo combativo.
SINAIS EN CURTO
PROGRAMACIÓN
SINAIS EN CURTO
PROGRAMA
Venres 31/05 | 20:00 h | CGAI / Repetición: Domingo 09/06 | 19:00 h | Sala (S8) PALEXCO







