Hai tempo xa que Carla Andrade (Vigo, 1983) está no punto de mira, non só da Mostra (onde estivo presente en pasadas edicións a través de varias das súas pezas), senón tamén como unha das voces máis prometedoras da arte actual. Só que manter o seu nome no status de promesa antóllase xa como algo do pasado en canto empezamos a facer reconto da obra que acumula ás súas costas, da súa gran coherencia formal e ideolóxica, e da súa distintiva personalidade como artista. Carla Andrade é, pois, un nome indispensable dentro da creación audiovisual (a través das súas películas, e tamén das súas fotografías e instalacións), non só en Galicia senón fóra das súas fronteiras, traxectoria que queremos recoñecer a través deste foco que se lle dedica dentro da programación.
Este espazo que dedicamos a Carla Andrade dentro da programación consta de dous partes: por unha banda, dun encontro de vetas performativas (conducido por Xisela Franco) no que a autora falará dos seus motivos, referencias e soportes conceptuais, ademais dos diversos retos ideolóxicos e filosóficos aos que se enfronta a súa práctica, incorporando na discusión gravacións, proxeccións e distintos materiais. A segunda parte estará dedicada á proxección dunha selección das súas pezas, que nos guiará por algúns fitos da súa obra ata o día de hoxe.





