O bodegón (en inglés still life) é un xénero da historia da arte ben coñecido, moitas veces considerado “menor”, e que posiblemente por ese mesmo carácter serviu de vehículo de experimentación a aqueles pintores que comezaron a preocuparse pola esencia mesma da pintura e a liberala das cadeas da representación. Non hai máis que pensar nos bodegóns de Gauguin, de Matisse, de Cézanne, ou máis adiante os dos cubistas ou os de Léger, para decatarse disto. Esta idea de still life serve así como un modo, dos centos que pode haber, de achegarse á obra dun dos artistas máis ousados á vez que reflexivos que existen (nótese que non se di “cineasta”, que non deixaría de ser un termo trampón ou insuficiente á hora de referirse a Malcolm Le Grice). A idea de still life serve na medida en que Le Grice comeza a súa andaina como pintor, e na medida en que varias das súas obras fan alusión directa a ese xénero e o empregan á maneira dos pintores antes citados para investigar o propio cine como soporte, desligándose da narración ou do suposto rexistro realista da realidade, para investigar de maneira plástica, reflexiva e performativa iso que coñecemos como cine. A película é, pois, a propia tira de celuloide ou conxunto de píxeles, non as hipotéticas mazás do bodegón en movemento, e é tamén o que acontece mentres o espectador a mira, nese “aquí e agora” da proxección na que cada un de nós constrúe a súa propia película.
Esta selección de películas de Le Grice, malia ser breve e parcial, serve para dar conta das múltiples formas que adoptou esas ambicións ao longo do tempo, dende que comezara a experimentar co soporte fílmico nos anos sesenta no seo da célebre London Film-makers Co-op (na que tivo un papel crucial, non só como artista, senón poñendo en marcha o obradoiro no que se producirían moitas das obras da cooperativa), pasando polas súas primeiras experiencias con ordenadores nos setenta, o paso definitivo ao vídeo nos oitenta e a explosión de posibilidades do dixital.


