laboratorio abierto

PROGRAMA

LEC (MÉXICO)

LABORATORIO ABIERTO

En 2013 fundamos O Laboratorio Experimental de Cine coa finalidade de xerar un espazo de encontro e intercambio de coñecementos e experiencias arredor do cine analóxico. Nese momento sentimos a necesidade de facer comunidade cos nosos colegas artistas, cineastas e cinéfilos para facer máis gozoso o traballo moitas veces solitario do “fágao vostede mesmo”. Buscamos tamén practicar dinámicas de retroalimentación e colaboración que nos fixeran crecer de maneira conxunta. A nosa primeira encomenda como LEC foi programar durante tres anos un ciclo de cine expandido nun espazo cultural da Ciudad de México. Combinamos estas presentacións con obradoiros onde os asistentes puidemos aprender directamente de artistas e colectivos como Guy Sherwin, Jodie Mack, Alex Mackenzie, Sally Golding, Kerry Laitala, Crater Lab, entre outros moitos. A este seguíronlle outros proxectos de comisariado, educación e produción en colaboración con museos, asociacións civís, estudantes e comunidades en distintas rexións de México. A seis anos de distancia cremos que os nosos obxectivos foron, paseniñamente, transformándose en realidades. Neste programa queremos compartir o traballo individual dalgúns dos nosos colaboradores, así como os resultados dunha residencia no Laboratorio dos históricos Estudios Churubusco.

Os que fundamos LEC somos Morris Manuel Trujillo, Lucía Cavalchini mais eu, Elena Pardo. Despois, dependendo dos proxectos, uníronse outros colaboradores como Walter Forsberg, Naomi Uman e Tzutzumatzin Soto.

Programa: Elena Pardo e Morris Manuel Trujillo
Notas: Elena Pardo

PROGRAMA

Mércores 05/06 | 16:30 h | Sala (S8) PALEXCO

PARTE 1: Los cómplices
Unha selección de traballos fílmicos recentes de colaboradores que dan vida ao proxecto.
  • XOCHIPILLI

    Annalisa Quagliata, México, 16mm, 2018, 2 min.
    Imaxes de Xochipilli “o príncipe das flores”, deus mexicano da arte, a danza e a poesía.

  • ROCK, SUN, RED, FLARE

    Manuela de Laborde, México, 16mm, 2014, 1 min.
    Un minuto planeado/imprevisto. A miña primeira película. O retrato dun lugar, das súas paisaxes: dende o obxecto ao pleno, intensamente encadrados e igualmente comprimidos en tempo. Ao redor, sen ser previstas, manifestacións etéreas. (M.L.)

  • LÍNA HORIZON (SJÓNDEILDARHRINGUR)

    Claudio Sodi, México, 2019, dobre proxección en 16mm, 4 min.
    Entre documental e ficción, esta peza analiza a percepción do ollo ante un horizonte. A suma de contrastes que se forma a modo de tableaux lévanos por supostos horizontes sensibles filmados en Islandia.

  • ANFEBUTAMOL. TOPIROMATO. CLONAZEPAM.

    Daniel Valdés Puertos, México, 2018, super 8, 5 min.
    Aglomerado de texturas dunha emulsión policromática rebentada, que intenta reflectir o estado anímico-químico do suxeito baixo tratamento.

  • CRISÁLIDA

    Annalisa Quagliata, México, 2017, 16mm, 3 min.
    Curtametraxe que usa técnicas do cine feito á man para crear un retrato onírico, ilustrando un proceso de rexeneración e cambio.

  • TORTILLERÍA CHINANTLA

    Bruno Varela, México, 2005/2019, dobre proxección super 8, 3 min.
    Ballet mecánico, cuño de masa e luz, comal eléctrico movéndose eternamente, dende Brooklyn NY onde a tortillería Chinanta ten a máquina tortilladora máis grande do mundo. Industrialización e manualidade na mesma operación, comales milenarios traballando a marcha forzada para abastecer á poboación mexicana do norte de EE. UU. Antes e despois da cocción, as tortillas móvense ao ritmo dunha secuencia electromagnética.

PARTE 2: Experiencia Churubusco
Entre setembro de 2017 e setembro de 2018, un grupo de 12 artistas, cineastas, arquivistas e documentalistas participamos na residencia do LEC no laboratorio dos Estudios Churubusco en Ciudad de México. A intención da residencia era retratar este lugar histórico e aprender dos traballadores que teñen décadas de experiencia. Durante meses filmamos o espazo e aos seus protagonistas dende distintos puntos de vista e coas ferramentas que cada creador elixiu a partir da súa experiencia. Compartimos e intercambiamos maneiras de facer cine cos laboratoristas, que estiveron interesados en coñecer as estratexias de traballo dos microlaboratorios como o noso. (Elena Pardo)
  • BANDERA CHURUBUSCO

    Walter Forsberg, México, 2018, 16mm, 1 min.
    Unha guía visual sobre como facer películas empregando ilustracións atopadas en librarías de segunda man na rúa Donceles de Ciudad de México.

  • FILMADOR E HIJO

    Antonio Bunt, México, 2018, 16mm, 5 min.
    Narra as desventuras dun home inmaturo que entra a traballar a un laboratorio cinematográfico onde pon os nervios de punta a todos os seus novos compañeiros, ata que fai unha sorprendente descuberta.

  • INVENTARIO CHURUBUSCO

    Elena Pardo, México, 2019, 16 mm a vídeo, 7 min.
    O histórico laboratorio de Estudios Churubusco, onde se procesaron as películas mexicanas da era dourada na década de 1950, segue funcionando, practicamente sen cambios. Esta película é un intento desesperado e amoroso de preservar a memoria das persoas, os coñecementos e os obxectos que coexisten neste espazo, que corre o risco de pechar en calquera momento. Os traballadores do laboratorio participaron na rodaxe como animadores, actores e asesores técnicos.

  • UNA MECANÓGRAFA PERDIDAMENTE ENAMORADA

    Iván Avila, México, 2018, 16mm a vídeo, 33 min.
    Una mecanógrafa perdidamente enamorada é a historia dunha moza a mediados dos anos 60. Un día ela soña que entra a traballar como mecanógrafa ao laboratorio dos Estudios Churubusco, onde o seu xefe lle encarga unha labor moi importante. No proceso, dálles por se namoraren.

  • AUTORRETRATO FRAGMENTADO

    Jael Jacobo, México, 2018, 35mm a vídeo, 9 min.
    Este documental animado fala sobre os traballadores destes laboratorios. Cada un aborda como nos fragmentamos interiormente e como logramos unir estes fragmentos para sentírmonos completos. Para esta análise mesturáronse técnicas analóxicas (fotografía analóxica e impresión por contacto en material fílmico 35mm) e dixitais (rotoscopia). Algúns dos autorretratos son de realizadores mexicanos que formaron parte da Residencia LEC.