Nacido en Turín, Italia, e residente en París dende 1999, Stefano Canapa leva dende finais dos noventa en activo no campo do cine analóxico e as súas posibilidades. Forma parte do colectivo de artistas Z.U.R. (Zona Utópicamente Reconstituida), dedicado á investigación tanto nas artes plásticas coma no teatro e no cine, é parte activa do laboratorio autoxestionado por artistas L’Abominable e en 2007 fundou, xunto a Yoana Urruzola, o LIC, Laboratorio de Investigación Cinematográfica, en Montevideo. Dende comezos dos 2000, o seu traballo milita en diversas frontes fílmicas: instalacións, películas e filme performances, que percorreron un amplo número de festivais internacionais (de Locarno a Rotterdam, Oberhausen, Toronto, Marsella ou Cinema du Réel, entre outros), nunha investigación en curso que incorpora as particularidades do formato analóxico en conxunción coa arte sonora.
DESBORDAMIENTOS
STEFANO CANAPA



Nesa dirección camiña a filme performance que nos trae xunto a Antoine Birot, na que combina un tubo de raios catódicos e celuloide, sinais eléctricas puras con película analóxica. Wavelength é un traballo de investigación arredor do concepto de onda que busca explorar o alcance dunha sinal eléctrica manexando a súa amplitude e frecuencia; repetición/desestruturación, accidentes/crepitacións dialogan coas partículas da emulsión fotoquímica en perpetuo movemento. As imaxes e sons que veremos xéranse a través dun xerador de baixas frecuencias artesanal, e son manipuladas en vivo empregando ese mesmo xerador e tres proxectores de 16mm. Ondas sonoras e lumínicas coas que vibrar en desbordada e desbordante comunión.
Xoves 06/06 | 23:00 h | Fundación Luis Seoane
WAVELENGTH
Stefano Canapa e Antoine Birot, Francia, 2017, filme performance, 30 min.
