A liberdade creativa e as buscas formais en ebulición na contorna do LEC (Laboratorio Experimental de Cine) son a orixe destas dúas performances nas que a investigación arredor dos medios do cine analóxico e a improvisación do directo son fundamentais. Proxectos cun espírito colaborativo con vontade de tender pontes coas comunidades ás que visitan, neste caso a través da colaboración con Luis Garrido e Alexandre Losada, músicos pontevedreses que levan anos explorando os camiños das músicas improvisadas, a experimentación electroacústica e o rock menos domesticado. Vellos tocadiscos, sintetizadores caseiros, saxofóns, guitarras, cintas de casete, radios ou micros de contacto forman parte do seu arsenal sonoro nunha busca constante de novos marcos que mover (segundo as súas propias palabras), arsenal que se suma ao do LEC, composto de proxectores e artefactos visuais varios, nesta dobre sesión de novas experiencias visuais e auditivas.
DESBORDAMIENTOS. LEC
DESBORDAMIENTOS
LEC (MÉXICO)



PROGRAMA
Venres 07/06 | 23:00 h | Fundación Luis Seoane
LOVE MACHINE
LEC, México, 2018, Performance multiproxector, 30 min.
Elena Pardo, Azucena Losana e Morris Manuel Trujillo participan nesta performance a partir dunha serie de traballos de investigación arredor da mecánica do cine. Con bucles propios e atopados de máquinas de todas as escalas en marcha, e a partir do propio funcionamento dos tres proxectores de 16mm xunto cunha cámara de vídeo cuxa imaxe se proxecta en directo, unha performance de máquinas que falan de máquinas. Coa sonorización en directo de Luis Garrido e Alexandre Losada.
DESAPARECER
LEC, México, 2016, Performance multiproxector, 30 min.
Desaparecer. Deixar de estar á vista ou nun lugar/deixar de existir. No vasto territorio mexicano desaparece, de media, unha persoa cada 1 hora e 50 minutos, é dicir, 13 persoas ao día. Esta performance sonora e visual fala do efémero da presenza, da posibilidade de xa non estar, de buscar e buscarse a partir do emprego do formato fílmico en 16mm. Elena Pardo e Manuel Trujillo botan man de imaxes persoais e de paisaxes nesta performance acompañada da improvisación sonora en tempo real a cargo de Luis Garrido e Alexandre Losada.
