En 2019 cúmprense cincuenta anos desde que Bill Brand comezou a facer cine. Dende 1969 leva facendo películas, nunha práctica que se estende polo seu traballo na conservación e restauración de cine, polo debuxo, a pintura e a instalación, e como autor de obras únicas na súa especie como é o caso de Masstransiscope (1980), insólito mural que transformou o metro de Brooklyn nun enorme zoótropo. Todas as disciplinas que se foron superpoñendo e retroalimentando. Esta selección de películas, preparada polo propio Brand e consonte as súas propias palabras, pon énfase no seu traballo “en cine analóxico coa copiadora óptica e pon en xogo temas como a paisaxe, o corpo, a pintura e o debuxo”. Unha selección que se abre coa recente Huevos a la mexicana (2018), na que a súa coñecida estratexia de reservas cambiantes na imaxe trasládase ao campo do dixital; séguelle Susie’s Ghost (2011), un paseo fantasmal por un barrio neoiorquino; Skinside Out (2002) é unha das súas colaboracións fílmicas coa artista Katy Martin; pechándose cun dos seus traballos máis intensos e complexos, Coalfields (1984), na que conflúen a paisaxe, a súa atención ao corpo e a súa decadencia, o seu profuso traballo coa copiadora óptica e unha visión profunda, política e empática, do material que manexa. Unha obra amplísima e difícil de explicar, que percorre múltiples camiños con paixón e inventiva, e que fainos pensar que, en certo modo, o cine (e por extensión, a imaxe en todas as súas acepcións) é a segunda pel de Bill Brand.
BILL BRAND. O CINE COMO SEGUNDA PEL
PROGRAMACIÓN
BILL BRAND
O CINE COMO SEGUNDA PEL
PROGRAMA
Xoves 06/06 | 18:30 h | CGAI




