Percorrer as películas de Azucena Losana é atoparse con moitas caras e lugares, tempos e texturas. Como quen busca facerse unha antropoloxía propia, Losana fabrica sinfonías de cidade de peto, retratos a escala humana, concentra multitudes frenéticas dentro de fotogramas de super 8, vai trazando coa súa cámara as liñas dunha vida chea de experiencias e encontros. Un estudo das xentes do presente que ten tamén a súa contrapartida na exploración do pasado, a través dunha escavación infinita na que vai desenterrando películas orfas, domésticas, descartes comerciais de todos os xéneros, nunha sorte de arqueoloxía da civilización de antonte. Documentos que reutiliza e reinterpreta dende fai anos, construíndo unha obra que pasea con soltura do cine á performance, pasando pola instalación, o collage, a fotografía e o debuxo.
Azucena Losana naceu en México en 1977, e dende fai once anos vive e traballa en Bos Aires. O seu traballo como artista mestúrase coa súa actividade (pasada e presente) en diversos colectivos: en México, en Trinchera Ensamble e no LEC, e en Arxentina con DNI e Circuito CiN!CO, con quen tamén organiza proxeccións. Traballou no mítico laboratorio de cine analóxico Arco Iris de Bos Aires, e dende fai uns anos tamén se adentrou no traballo de arquivo e preservación. Dende os seus tempos no Trinchera Ensamble, ao que se asociou en 2004, foi construíndo un corpus artístico do que aquí ofrecemos unha mostra en formato de proxección de películas e de breves performances.







