Para Jeannette Muñoz o cine é un océano inesgotable de acción e pensamento, que posúe ao mesmo tempo o privilexio de ser presenza e incidencia. Cada proxecto realizado pola cineasta explora diferentes aspectos deste espazo cinematográfico e convídanos a reflexionar un pouco máis acerca do que chamamos cine.
Nesta AulaCREA, organizada por (S8) en colaboración con CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización), Jeannette Muñoz presentará unha charla ilustrada con proxeccións en 16mm na que tamén terá cabida un filme performance da cineasta. A través da presentación dos seus diferentes proxectos xunto a outros materiais visuais, a cineasta irá desvelando xunto aos asistentes os aspectos visibles e non visibles do seu cine, ademais das súas estratexias de traballo.



